O Tigre do Futuro
O Tigre do Futuro
A que cheira, papá?
O Tigre do Futuro é un podcast de historias, un oráculo onde se reúnen todos os temas e contos orfos doutro lugar onde se refuxiar. O podcast en galego onde poden convivir lendas urbanas, nocións de psiquiatría e historias misteriosas sen máis roces dos necesarios. O Tigre do Futuro facémolo desde o magazine cultural A que cheira, papá?, con todo o que iso significa. Unha ollada nova e fresca, gana de pasalo ben, e toda unha plantilla de colaboradoras ben garridas. Entra a escoitar o Tigre!
Dramas de astroansiedade - O Tigre do Futuro 42
Fixemos o primeiro Tigre temático! O podcast das historias variadas decidiu centrarse por un día e dedicamos un programa enteiro ao espazo e os mundos siderais. Todo coa escusa de recibirmos ademais a Astroxabi, o noso astrofísico de referencia. Como sempre, contamos 3 historias diferentes, pero coa particularidade hoxe de que todas xiran arredor das nosas inquietudes espaciais. Estiveron o Rubén Amado, Guillermo Rodicio e Xabi laretando.
Mar 18, 2024
1 hr 28 min
Sitares e ukeleles - O Tigre do Futuro 41
Volve o Tigre despois dunha época de barbeito. Unha viaxe pola India para descubrir que o turismo xa leva demasiado tempo inventado e a maxestuosa vida de Duke Kahanamoku, o semideus surfista, que máis pedir a un Tigre. Neste episodio contaron historia Philip Webb e o Rubén Amado, con Ánxela Lema e Guillermo Rodicio facendo apoios.
Feb 15, 2024
1 hr 57 min
Cabezacubo, rei da Suecia - O Tigre do futuro 40
Unha edición tete-a-tete do Tigre en que intentamos manter a compostura fronte ao oráculo. Xente con cubos na cabeza en eleccións democráticas británicas e revolucionarios fraceses un tanto desorientados, todo no tigre máis freestyler! Neste episodio contaron historia Violeta Pérez e Guillermo Rodicio, sós nunha noite chuviosa de outono.
Oct 19, 2023
1 hr 15 min
Fotos roubadas a peregrinos - O Tigre do Futuro 39
Comeza unha nova tempada do Tigre do Futuro! Historias de peregrinos que saíron da Torre de Hércules en busca de místicas illas, e a estraña vida de Vivian Maier, a fotografa máis famosa do mundo que nunca quixo ser famosa. Todo isto e máis no Tigre que reabre a porta do templo! Neste episodio contaron historia Guillermo Rodicio e Rubén Amado, con Ánxela Lema como comentarista pertinaz.
Sep 28, 2023
1 hr 10 min
Apps para osos e nenos troll - O Tigre do Futuro 38
Aplicacións e novas tecnoloxías para gozar da natureza, a misteriosa lenda dos changelings, os nenos trocados, e a historia real (de verdade) de Wojtek, o oso que loitou na IIGM. Todo nun Tigre moi de verán, moi quente! Neste episodio contaron historia o Rubén Amado, Guillermo Rodicio e Philip Webb, cunha pregunta dedicada ao futuro das fotopirolas.
Jul 13, 2023
1 hr 30 min
Shania Twain - O Tigre do futuro 37
Unha nova edición do consultorio de Vio sobre saúde mental, perturbadoras novas de ovnis en Lugo, e as equivalencias británico-españolas que non sabías que precisabas. Todo no Tigre dedicado a Shania Twain! Neste episodio contaron historia Violeta Pérez, Rubén Amado e Philip Webb, acompañados de Guillermo Rodicio aos mandos.
Apr 27, 2023
1 hr 39 min
Bonito lóstrego para Carolina - O Tigre do Futuro 36
Lóstregos que collen manía a xente concretísima, unha guerra naval cántabro-francesa, e a teoría da conspiración arredor da saia da Carolina, todo no Tigre máis vellouco! Neste episodio contaron historia Darío MJ, Rubén Amado e Silvia Rodríguez, acompañados de Guillermo Rodicio aos mandos. Comezou Darío, que desta trouxo unha sección sinxela pero con moita chicha: xente con moi mala sorte. Falamos de lóstregos e xente a que lle caen, de estatísticas improbables e electricidade. Despois o Rubén quixo enardecernos cunha historia bélica, mais sen moito sangre: a guerra do bonito. Falamos do conflito sobre dereitos de pesca que asolou o mar cantábrico, enfrontando a franceses con galegos, asturianos e cántabros e que estivo a piques de se converter en guerra aberta internacional. (Piratas de Burela?) Por último Silvia volve coa súa sección de cousas de vellas, desta volta cun misterio. De onde vén a saia da Carolina? Por que hai distintas versións en Portugal e outras partes da península? Non será acaso unha referencia velada á máis famosa Carolina... A Bela Otero? (gasp).
Mar 31, 2023
1 hr 29 min
Pombas da Pepsi en Gondomar - O Tigre do Futuro 35
Pombas armadas con misiles na loita antinazi, un diplomático galego moi "amigo" do rei de Inglaterra e Pepsi, Pepsi para toda a Unión Soviética! Todo isto e moito máis no tigre máis bailongo. Neste episodio contaron historia o Rubén Amado, Philip Webb e Guillermo Rodicio, coa Silvia Rodríguez intentando manter a cordura. Comezou o Rubén, que seguindo na liña ornitolóxica, desta volta decidiu facer unha loa extensa e pormenorizada desas grandes odiadas das cidades: as pombas. Falamos do seu sentido da orientación e o uso comunicativo e bélico que lles deron as persoas. Depsois Philip remata a súa historia completa e exhausta da diplomacia mundial, nesta ocasión das relacións entre Inglaterra e España. A súa crónica está chea de xente que non sabe moi ben o que fai, pero hai un diplomático que o sabe demasiado ben. Ah, conde de Gondomar, por fin nos encontramos! Por último Guillermo trae a explosiva historia da relación entre a Pepsi e a URSS. Desde un Brezhnev amante das bebidas de cola, toda a Unión acabou atrapada no seu burbulleante feitizo... ata que houbo que pagar con avións. Escoitadea, que é moi difícil de resumir esta historia.
Mar 6, 2023
1 hr 37 min
Moreau: diplomacia e salvamento - O Tigre do Futuro 34
Diplomáticos en longa viaxe ata Samarkanda, grandes naufraxios con épicos salvamentos e a máis desastrosa de todas as rodaxes de Hollywood. Todo isto e máis no tigre máis aventureiro! Neste episodio contaron historia Philip Webb, Rubén Amado e Guillermo Rodicio, con Violeta Pérez como comentarista. Comezou Philip, que apareceu cun novo interese: a historia da diplomacia. Fardando de contactos, contounos a historia dunha expedición diplomática medieval onde os casteláns intentaban facerse amigos de Tamerlán, o líder de Samarkanda. Despois Rubén volve levarnos ao mar, desta volta para falar sobre a evolución do salvamento marítimo. A través dos naufraxios da pedra do Boi, na Coruña, falamos de como melloraron as condicións de salvamento, con historias tráxicas e rescates épicos polo medio. Por último Guillermo veu cunha historia delirante e chea de plot twist: a tolísima rodaxe da "Illa do Dr. Moreau". Van Kilmer, Marlon Brando, bruxos e selvas australianas. Que pode saír mal?
Feb 2, 2023
1 hr 31 min
Pirataría paraguaia no Gobleki - O Tigre do Futuro 33
Misteriosos templos construídos nos albores do tempo, piratas chinesas que fixeron tremer estados enteiros, e a nova entrega sobre mitoloxía paraguaia. Todo e máis no Tigre máis canchero! Neste episodio contaron historia Guillermo Rodicio, Darío MJ e Philip Webb, con aparición estelar do Rubén. Comezou Guillermo, que veu revelarnos a misteriosa historia do Gobleki Tepe. Un templo, descuberto en Turquía, con máis de 12.000 anos de antigüidade. Como se construíu, antes da roda ou a alfarería é un misterio. Por que se construíu, aínda máis. Seguiu Darío, que nos contou a vida de Zheng Shi, seguramente a pirata máis poderosa da historia. Unha biografía apaixonante, de prostituta a conselleira de guerra, con amores, xiros, e flotas todopoderosas. Por último, Philip trouxo a segunda entrega sobre mitoloxía paraguaia, desta volta coas lendas nacidas despois da guerra da triple alianza. Falamos do batallón Pombero, da plata agochada, das residentas e moito máis.
Dec 30, 2022
1 hr 31 min
Load more